Home > Servizos dirixidos a > Profesores
> Máster en Ensino de Español como Lingua Estranxeira
Profesores: Máster en Ensino de Español como Lingua Estranxeira
Presentación
A Fundación Comillas, en colaboración coa Universidade de Cantabria, ofrece o Máster en Ensino do Español como Lingua Estranxeira, un novo título oficial no marco dos estudos europeos.
Posto que desde este Programa de Formación de Profesores de Español pode accederse ao Máster, explicamos aquí polo miúdo, a información referida a este título.
O obxectivo deste Máster é formar profesores de español que dean resposta á demanda experimentada por un sector en continuo crecemento: o do ensino de linguas en xeral e do español en particular.
Para lograr este obxectivo, o programa proporciona unha sólida formación teórica, acompañada dun período de prácticas e dunha fase de investigación e desenvolvemento que culmina na redacción dun plan de acción profesional (Memoria final).
Máis información en www.master-ele.com
Obxectivos
O obxectivo xeral destes estudos é formar profesores de español como lingua estranxeira. Esta formación ofrécese en dous niveis: Máster e Experto.
Preténdese:
- Ofrecer coñecementos teóricos de lingüística aplicada, así como formar en habilidades didácticas que van desde a explotación das Novas Tecnoloxías aplicadas ao ensino da lingua, ata a programación de unidades didácticas e a análise de materiais.
- Presentar a relación entre a lingua, a cultura e a sociedade no proceso do ensino de español para estranxeiros.
- Complementar a formación teórica con prácticas en centros especializados no ensino de español como lingua estranxeira.
Alumnos
Os potenciais demandantes desta formación son titulados universitarios e profesionais do ensino de linguas que queiran adquirir unha formación cualificada e de natureza teórica e práctica.
De forma especial, serán destinatarios deste Máster os interesados en ser profesores de español como lingua estranxeira, lectores de español no estranxeiro, os interesados en traballar en empresas relacionadas co sector do español como lingua estranxeira e en ser profesores da Fundación Comillas.
Docencia
O Máster ofrécese en dúas fases: unha fase presencial e unha fase non presencial integrada por unha plataforma virtual. Inclúe a realización de prácticas docentes e a elaboración dunha memoria didáctica. A docencia será impartida por expertos en ensino de español como lingua estranxeira e de didáctica da lingua española. A carga docente será de 60 créditos distribuídos do seguinte modo:
- Módulos presenciais (28 créditos)
- Módulo de lingüística aplicada do español (14 créditos)
- Módulo de metodoloxía de ensino do español (14 créditos)
- Módulo non presencial (11 créditos)
- Prácticas docentes (6 créditos)
- Memoria de investigación didáctica (15 créditos)
Cada programa Experto inclúe dous módulos: presencial e non presencial. En concreto:
1. Experto en Lingüística Aplicada do Español (25 créditos)
Módulo de lingüística aplicada do español (14 créditos)
Módulo non presencial (11 créditos)
2. Experto en Metodoloxía de Ensino de Español (25 créditos)
Módulo de metodoloxía de ensino de español (14 créditos)
Módulo non presencial (11 créditos)
Contidos do programa

Prácticas A aplicación práctica dos contidos adquiridos durante a formación teórica é unha vía eficaz para a aprendizaxe no ensino de español como lingua estranxeira. Para iso, o Máster ofrece prácticas en centros de ensino de español da Comunidade Autónoma de Cantabria. A realización destas prácticas será de especial interese para aqueles alumnos interesados en seren futuros profesores da Fundación Comillas.
Admisión
O proceso de selección de estudantes realizarase durante os meses de xullo e setembro. Consideraranse como principais criterios de admisión:
- Curriculum Vitae.
- Expediente académico.
- Aptitudes e actitudes persoais valoradas mediante entrevista.
Prezo
- Prezo da matrícula para o Máster (3800 €)
- Prezo da matrícula para cada Experto (2000€)
Bolsas e axudas
Existe un programa de bolsas e axudas que cobre diferentes contías da matrícula en función do nivel de renda, expediente e procedencia dos alumnos.
Calendario
- Procesos de selección: xullo e setembro.
- Matriculación: setembro.
- Data de inicio: outubro.
- Data de finalización: setembro.
Lugar de impartimento
Fundación Comillas. Comillas (Cantabria).
Horario
Clases presenciais de luns a venres, de 16.00 a 20.00.
Destinatarios
- Interesados en seren profesores da Fundación Comillas.
- Interesados en seren profesores de español como lingua estranxeira.
- Interesados en seren lectores de español no estranxeiro.
- Interesados en traballar en empresas relacionadas co sector do español como lingua estranxeira.
Créditos: 60 créditos ECTS
Os créditos ofrecidos por este Máster e organizados en módulos poden ser cursados como materias de libre elección polos alumnos das universidades pertencentes ao G9: Cantabria, Estremadura, Illas Baleares, A Rioxa, Oviedo, Universidade Pública de Navarra, País Vasco, Zaragoza e Castela-A Mancha.
Formación requirida para o acceso
- Licenciados en Filoloxía ou grao equivalente.
- Diplomados.
- Licenciados noutras especialidades ou graos equivalentes con experiencia no ensino de linguas.
- Os alumnos estranxeiros deben demostrar un coñecemento da lingua española de nivel superior (C1 ou C2).
Preinscrición
Procedemento:
Do 9 de xuño ao 19 de setembro estará aberto o proceso de preinscrición para a selección de candidatos ao Máster ELE.
Para levar a cabo a devandita preinscrición, é necesario:
- Seguir os pasos da aplicación telemática da Universidade de Cantabria.
- Imprimir o documento resultante ao finalizar a aplicación.
- Achegar con este impreso a documentación requirida.
- Enviar a documentación por correo postal ou entregala na sede da Fundación Comillas, no Paseo de Pereda, 33-1º. Santander 39004.
Documentación:
- Fotocopia actualizada e lexible do DNI (cidadáns españois) ou do pasaporte ou NIE (cidadáns estranxeiros).
- Fotocopia compulsada do Título de licenciado ou equivalente.
- Certificación Académica persoal compulsada na que consten todas as materias superadas coas súas respectivas cualificacións.
- Curriculum Vitae.
- Fotografía recente
Máis información en www.master-ele.com
Número de alumnos
Mínimo, 10; máximo, 30.
Módulo Cero para profesores de orixes lingüísticas específicas
No noso afán por conseguir a meirande adaptación aos perfís, tanto de alumnos como de profesores, ofrecemos este Módulo dirixido a profesores de español con estudantes de orixes lingüísticas determinadas. Realízase previamente unha coidada análise das necesidades deste profesorado concreto cunhas necesidades moi específicas na súa docencia de español como lingua estranxeira e cun perfil moi determinado de aprendizaxe entre os seus estudantes.
Abordaranse cuestións de carácter xeral en metodoloxía ―absolutamente imprescindibles― para todo profesor de ELE, e trataranse, especialmente, aquelas cuestións particulares de gramática contrastiva que atinxen ao grupo concreto de profesores que deciden actualizar os seus coñecementos na Fundación Comillas.
Este módulo consta de 60 horas presenciais (6 créditos ECTS) e desde el pódese acceder ao Máster ELE.
Obxectivos:
- Estudo exhaustivo dos perfís de aprendizaxe concretos de estudantes de ELE e das cuestións de gramática e cultura que aparecen implicadas como froito do contraste entre a L1 e o español.
- Mellora e perfeccionamento da competencia lingüística e cultural do docente non nativo de lingua española.
- Actualización en coñecementos lingüísticos, socioculturais e metodolóxicos do profesorado que non reside habitualmente no mundo hispanofalante senón en países onde o español experimentou unha forte demanda: China, Brasil, Estados Unidos.
Contidos:
- Aspectos de Gramática Contrastiva: análise dos principais problemas gramaticais que atinxen á adquisición das dúas linguas en contacto, a L1 e a L2, neste caso, o español.
- Aspectos de Cultura Contrastiva: preténdese o achegamento á cultura española e a análise contrastiva dos aspectos culturais que entran en conflito no momento en que o estudante se mergulla nunha sociedade con parámetros de comportamento distintos.
- Aspectos de Gramática: abordaranse cuestións de gramática avanzada (oracións subordinadas, usos do subxuntivo, preposicións, combinación dos pretéritos). Trataranse tamén as novidades normativas das últimas obras da RAE nos planos ortográfico, acentual, morfolóxico e sintáctico.
- Aspectos de Cultura: actualización dos coñecementos culturais do español a través do microcosmos representativo da vila de Comillas. Esta actualización terá lugar a través de clases de gastronomía, visitas ao patrimonio cultural representado en Comillas, así como a emblemas representativos de manifestacións artísticas como as Covas de Altamira. Tamén terá lugar baixo este módulo o encontro co cinema a través de directores vinculados á rexión autónoma cántabra ou o encontro con escritores do panorama literario en lingua española.
- Aspectos de Didáctica: inclúe contidos tan necesarios como os recursos didácticos aplicados ás destrezas de aprendizaxe, obradoiros sobre como ensinar a expresión escrita, propostas didácticas para integrar a Internet na aula como unha valiosa ferramenta didáctica, a literatura na clase de ELE, etc.
- Aspectos de Sociedade: nel trátanse aspectos fundamentais da Historia contemporánea de España e Hispanoamérica que transcenden ao momento actual. Por exemplo: a Transición política e o Estado das Autonomías, os partidos políticos, os nacionalismos na España actual, vivenda e desemprego, Iberoamérica: presente e futuro, etc.